martes, 16 de junio de 2009

O relato inclasificable, o terror do bibliotecario

Crumb, cómic e relato; Tomine, cómic e relato; Dylan, música e relato; Tupac Shakur, rap e relato; ídem cos Jedi Mind Tricks... Pero é que Gorey é para darllle de comer a parte: ¿é autor de cómics?, ¿o dedícase máis ben á literatura?, ¿ou será ilustrador?, ¿ou é autor para nenos?, ¿é un paxaro?, ¿é un avión...? Non: é... o que máis medo da: o que se sae de toda clasificación; o xenio maligno escapado dos libracos de Descartes e que utiliza toda a súa industria para romperlle a cabeza ao bibliotecario coa "one track mind" de turno (é dicir, ao común dos mortais).
Ultimamente as obras de Gorey están sendo recollidas pola editorial Valdemar, dentro dunha colección de literatura, pero igualmente poderían ser publicadas por Kalandraka nas súas coleccións de libros ilustrados para nenos de idade indefinida, ou por editoriais de cómics semidescoñecidas para quen non estea no allo (Ponent, Astiberri, Sins Entido,...).
Tamén é certo que unha vez dentro das páxinas goreyanas notarás un certo aire recoñecible... ¿Cal? Ben, as películas de Tim Burton, gran admirador do artista que tratamos agora aquí. A influencia de Gorey na estética burtoniana é recoñecida polo mesmo TB, e ata é visible nos debuxos e espíritu da súa coñecida obra do neno Ostra publicada en España por Anagrama...
Tempo atrás publicamos nese blog pantasma da biblioteca do noso IES (Biblioafonso, o blog para alumnos do insti que non len os alunmos do noso insti -¿quen o le, entonces, mh?-) unha reseña sobre o libro La invención de Hugo Cabret, que pasou sen pena nin gloria a tenor do número de préstamos contabilizados desa obra, reseña na que falabamos da cuasimoda que hoxe vivimos de libros híbridos entre literatura, cómic e ilustración, igual que hai outra parecida que mestura literatura e ensaio (Sebald, Cercas, Trapiello, Pisón, ...). Pois ben, tal moda non é separable da pegada de Gorey, do precedente de Gorey, da forma de narrar ou contar de Gorey: do relato norteamericano inclasificable de Gorey...
Por certo, é posible que teñas na túa casa algún libro que mirabas de neno, na vella colección de Alfaguara Infantil, debuxado ou ilustrado por este... terror do bibliotecario...

No hay comentarios:

Publicar un comentario