domingo, 21 de junio de 2009

CONTOS Nº 10 E 11: "PODRE DE DIÑEIRO", DE A. MUNRO, E "UN CONTO DE ÉXITO", DE R. BANKS

O dito. Acabamos e non acabamos. O conto de nunca acabar... ¿Queremos seguir? ¿Non queremos?
Mentres o pensamos , aquí presentamos dous tentacións dificilmente rexeitables por quen guste da lectura: un conto da canadiana Alice Munro, conto que a un, no seu día, deixou con ganas de volver sobre el, pola atracción que exerce, e pola dificultade de asilo... Munro é unha veterana escritora de relatos dunha certa extensión, que non chegan a convertirse en novelas, se ben non é amiga de contos breves de seis ou sete páxinas. Gústanlle, ao que parece, as distancias medias. Ten ademais unha gran facilidade para crear personaxes femininos, polo regular metidos en situacións nas que se ven obrigados a tomar decisións non precisamente fáciles, que implican rupturas co seu ambiente familiar, ou de parella, decisións que desde fóra parecerían faltas de sensatez, ou de dubidosa moralidade, pero que elas levan adiante a pesar dos seus remordimentos cunha forza que un non pode deixar de admirar... O conto aquí proposto foi publicado en castelán no libro de relatos El amor de una mujer generosa, na editorial Siglo XXI (temos xa varios libros desta autora editados en España).
O outro conto é de Russell Banks, "Un conto de éxito", incluído no libro de relatos deste autor titulado El ángel en el tejado, ed. Losada. Se premes aquí terás a posibilidade de ler a información da Wiki sobre el, pero traducida do inglés xa sabes como, polo que cada vez que vexas "Los bancos" debes ler (Russell) Banks: en fin... A historia é contada polo propio mozo que a vive, dun xeito moi áxil, natural e humorístico, a pesar dos pesares, e con ese final... Se che gustou o conto de Tobias Wolff, que foi un dos que máis éxito tiveron neste club -ás veces pensamos que este club non foi máis que unha lenta presentación de Tobias Wolff ante os membros do mesmo-, gustarache tamén este outro que, sendo diferente, parece ter un aire co do coche descapotable. Talvez a oportunidade que en ambos a xente da túa idade ten de contar a súa propia historia (e xa sabemos que o narrador de "Dous mozos e unha moza" en teoría non é Gilbert..., pero o parece). Ou talvez non, e é outra razón. Ou non hai parecido e un xa necesita urxentemente a xubilación...
Non deixes de escribir os teus comentarios sobre estes relatos, por favor, sexa agora ou cando sexa: Xullo, Agosto, Septembro... Ata pronto.

1 comentario:

  1. Hola, me ha gustado tu blog... Te invito a que visites algunos de mis blogs...
    www.frasesmotivadoras.com dedicado a la meditación y el bienestar del alma
    www.emule-configurar.com trucos para Windows e Internet
    www.musicadelparaguay.com

    ResponderEliminar