Mostrando entradas con la etiqueta BANKS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta BANKS. Mostrar todas las entradas

domingo, 21 de junio de 2009

CONTOS Nº 10 E 11: "PODRE DE DIÑEIRO", DE A. MUNRO, E "UN CONTO DE ÉXITO", DE R. BANKS

O dito. Acabamos e non acabamos. O conto de nunca acabar... ¿Queremos seguir? ¿Non queremos?
Mentres o pensamos , aquí presentamos dous tentacións dificilmente rexeitables por quen guste da lectura: un conto da canadiana Alice Munro, conto que a un, no seu día, deixou con ganas de volver sobre el, pola atracción que exerce, e pola dificultade de asilo... Munro é unha veterana escritora de relatos dunha certa extensión, que non chegan a convertirse en novelas, se ben non é amiga de contos breves de seis ou sete páxinas. Gústanlle, ao que parece, as distancias medias. Ten ademais unha gran facilidade para crear personaxes femininos, polo regular metidos en situacións nas que se ven obrigados a tomar decisións non precisamente fáciles, que implican rupturas co seu ambiente familiar, ou de parella, decisións que desde fóra parecerían faltas de sensatez, ou de dubidosa moralidade, pero que elas levan adiante a pesar dos seus remordimentos cunha forza que un non pode deixar de admirar... O conto aquí proposto foi publicado en castelán no libro de relatos El amor de una mujer generosa, na editorial Siglo XXI (temos xa varios libros desta autora editados en España).
O outro conto é de Russell Banks, "Un conto de éxito", incluído no libro de relatos deste autor titulado El ángel en el tejado, ed. Losada. Se premes aquí terás a posibilidade de ler a información da Wiki sobre el, pero traducida do inglés xa sabes como, polo que cada vez que vexas "Los bancos" debes ler (Russell) Banks: en fin... A historia é contada polo propio mozo que a vive, dun xeito moi áxil, natural e humorístico, a pesar dos pesares, e con ese final... Se che gustou o conto de Tobias Wolff, que foi un dos que máis éxito tiveron neste club -ás veces pensamos que este club non foi máis que unha lenta presentación de Tobias Wolff ante os membros do mesmo-, gustarache tamén este outro que, sendo diferente, parece ter un aire co do coche descapotable. Talvez a oportunidade que en ambos a xente da túa idade ten de contar a súa propia historia (e xa sabemos que o narrador de "Dous mozos e unha moza" en teoría non é Gilbert..., pero o parece). Ou talvez non, e é outra razón. Ou non hai parecido e un xa necesita urxentemente a xubilación...
Non deixes de escribir os teus comentarios sobre estes relatos, por favor, sexa agora ou cando sexa: Xullo, Agosto, Septembro... Ata pronto.

sábado, 20 de junio de 2009

Reunión VII (19.6.09): a cadela, a man, o blog e o verán

Derradeira reunión deste club... Todo ten o seu fin (a non ser que pretendamos continuar virtualmente, na rede, cousa que en principio un ten a intención de propoñer, a ver...): reunímonos soamente tres, pois a fin de curso é difícil conseguir xuntar a todos, desgraciadamente.
Falamos primeiro do conto da cadela, "Tapka", do canadianoletón Bezmozgis, que todos tíñamos lido. Chamounos a atención a importancia que o dicir palabrotas ten para el e para ela, e a situación un tanto chocante na que eles dous utilizan esas palabrotas e insultos para chamar ou dar ordes á cadeliña. Orixe, por certo, da discusión entre eles que levará ao accidente. E tamén chamou a nosa atención o final, con ese extraño xiro das últimas liñas, nas que parece que o fondo do conto queda iluminado, mais non dese xeito dos relatos clásicos nos que o enigma era finalmente desvelado na derradeira páxina, para gozo do lector, senón dese outro xeito menos claro e máis ambiguo dos contos que neste club xa estamos acostumados a beber. Como se ao lector o narrador lle presentara unha oferta que non poidera rexeitar: cambiar a perspectiva, ver o mesmo como se xa non fora o mesmo, porque non é o mesmo, sendo o mesmo... ¿Importa se a cadela sobrevive ou non? ¿E que acaso iso é o que se está a tratar no relato? Viva ou morra..., ¿cambia algo no interior do rapaz, na súa relación coa cadela e o matrimonio que vive ou vivía con ela...? ¿Podemos separar todo isto da cultura xudea na que vive e se empapa este rapaz, ou este escritor? ¿Por que ese neno, xa crecidiño, vese a si mesmo escribindo esta historia da cadela, que xa forma parte de ti, agora?Entramos despois no outro relato, "A man", de Jamaica Kincaid. Estivemos lendo dous fragmentos das dúas últimas partes deste... ¿"conto"? Ben, parece que en realidade non é propiamente un conto, se ben pode ser lido como tal. "A man" é o capítulo II da novela Annie John, de Kincaid, publicada en España por Alfaguara. ¿Por que entonces Richard Ford na súa antoloxía presenta este texto como conto? Misterio. Talvez no seu tempo así foi publicado, na revista "New Yorker" ou outra semellante, e de aí a decisión de Ford. Ou talvez foi o propio Ford que, pola súa conta, tomara tal decisión -pouco probable, pois a autora tería algo que dicir ao respecto...-. Quen sabe... Deixémolo estar, e que cada quen pense o que queira... Sexa como sexa, o texto ten a súa propia forza e calidade, e merece a pena lelo como conto, ou como invitación á lectura da novela completa... Ánimo. (En calquera caso, non deixes de dicir neste blog cal é a túa visión deste relato-capítulo en canto teñas algo de tempo... e ganas).
Antes de despedirnos foron repartidos dous contos a maiores, un da canadiana Alice Munro, cada vez máis admirada no noso país -e non só no noso país-, e outro, cun gran sentido do humor, por certo, e cun modo de ser narrado que recorda ás veces á novela de Salinger O vixía no centeo, de Russell Banks. Ambos moi recomendables. A idea é lelos con calma, e logo que cada quen entre neste blog cando lle pete e escriba nas entradas que iremos incluíndo os próximos días os comentarios que estime oportunos, sexa en Xullo, sexa en Agosto ou Septembro. Ou talvez nunca... Depende de nós. Ánimo, outra vez...