martes, 9 de junio de 2009

Reunión VI (8.6.09): driving in your car...

Onte tivemos a reunión sobre o conto de Tobias Wolff. Certamente non cremos que sexa o seu mellor conto, pero si que, dadas as nosas circunstancias, era uin dos que podían adaptarse mellor ao noso club (ou non).
¿Cal era en realidade o tema deste conto...? Ben, o propio TW recoñece nesa entrevista da que falabamos nas anteriores entradas que tarda sobre seis semanas en terminar un conto, e que a mitade dese tempo é o que necesita para saber... de que trata ese relato en realidade. De modo que non sexamos demasiado esixentes con nós mesmos: pode levarnos un certo tempo, ¿non? E iso supoñendo que no relato exista iso que damos en chamar "o tema", pois xa Luisfer Romero advertíanos sobre tal cousa, se o buscado é unha mensaxe ou crimen parecido...
As cuestións debatidas nesta reunión foron as esperadas: ¿traiciona Gilbert ao seu amigo, ou non se pode falar exactamentre de traición?; ¿por que ese extraño final co do cambio da cor da pintura, de branca a vermella, nada menos?, ¿é normal que Rafe se vaia co seu papi a Canadá a pescar en Agosto, cando leva coa súa noiva só dous meses e en breve deberá ir a Yale, á universidade, ou indica falta de interese, consciente ou inconscientemente?; coa frase do comezo do conto, ¿quéresenos dicir que hai ou pode haber unha xustificación para o que Gilbert pensa facer sen dúbida?; ¿ten o relato un final tan aberto como algúns pretenden, ou está bastante claro o que vai suceder a continuación?; ¿pretende dicirnos TW que non hai libre albedrío, e que somos dirixidos polo desexo máis alá das nosas pretensións racionalizadoras?; ¿ou pretende dicir que unha persoa namorada débese ao seu sentuimento, á súa propia verdade (en todo caso compartida pola outra persoa implicada) e non debe -"non debe"- atender a outra lóxica, porque sería traicionar á persoa amada e a si mismo?; ¿TW soamente quere contar algo para que o lector pase o rato e cdarlle tantas voltas é perder o tempo, e mellor será para todos cambiar de conversación?; ¿uh...?
Pese ás protestas de S., sempre tan crítico, a verdade é que TW distingue sete fragmentos no relato, e no quinto Gilbert aparece completamente so, falando consigo mesmo, como quen di, e aí probablemente dase o momento clave ou un dos fundamentais do relato, cando Gilbert pensa sobre a traición, etc. (lembremos o parágrafo co que termina ese quinto fragmento). Un tende a pensar -¡en fin...!- que Gilbert, no seu namoramento, sufre un proceso de desenmascaramento: a súa máscara vai caendo pouco a pouco en tanto a súa relación con ela progresa: cae a súa pátina de finxido cinismo, cae a da súa suposta seguridade cara ao seu futuro na universidade, cae a da súa crenza nunha honestidade interior por debaixo do seu xogo de escepticismo moral, cae a fortaleza -outra vez suposta- das boas razóns e principios ante a forza do que sinte e quere con toda a súa alma... Vale. Moi ben. Pero, ¿traiciona ao seu amigo si ou non, a pesar de todio iso? ¿Traiciónase a si mesmo...? ¿Ou será máis ben que Gilbert é precisamente agora, e non antes, unha persoa dunha limpa e brillante sinceridade e honestidade...? ¿E desde onde hai que ver esta actitude ou estas actitudes? ¿Desde onde...?
(A todo isto, ¿non estaremos cargando sobre Gilbert todo o peso da situación, olvidadndo a de ela -¿ambigua?, ¿pasiva en exceso...?- e a de Rafe -¿ti iríaste a pescar con papi nunha situación como a súa?, ¿por que o seu papi ten ese interese por levalo fóra do país, e por que el acepta con toda naturalidade, como pode un ver na escena na que prepara a súa maleta?-. Pode que esteamos demasiado dirixidos neste punto polo feito de que o narrador, que non é Gilbert pero ás veces parece selo, conta a historia desde a perspectiva deste...).
"Driving in your car..."

5 comentarios:

  1. Unha cousa que comentades aquí e que me chama a atención é a cuestión de se Gilbert traizoa ao seu amigo ou non, porque a min non se me ocorrera. Paréceme moi natural a reacción de Gilbert con respecto ao que lle sucede: trata de explicar con razóns un feito que non é susceptible de ser analizado desde esta perspectiva. E faino para pensar que está no correcto, mais o sentimento xa decidiu por el. Así que supoño que se Gilbert cede ao impulso traizoa a Rafe, pero se se abstén de seguir o seu sentimento, vai contra si mesmo. E seguindo un pouco as liñas de reflexión ,que están aquí moi ben trazadas, Rafe si que ten unha importancia crucial no relato, é o que se adoita chamar un personaxe ausente, porque aínda que non está, a súa presenza é permanente: condiciona a ambos personaxes. O carácter de Mary Ann é outra cousa. Gilbert insiste moito en facernos ver que é unha persoa moi simple, que ás veces non lle colle as bromas e esas cousas. E se cadra por iso tampouco se decata de que o seu con Rafe non ten moito futuro. Se cadra tamén é o motivo polo que lle gusta a Gilbert... precisamente porque sabe que é sincera nese sentido...

    O dito na entrada anterior, que me parece un conto moi interesante, o único que lera de Tobías Wolff foi Vieja escuela, e gustárame, moito mais non tanto coma este conto.

    ResponderEliminar
  2. Ola outra vez, A.: Recordo perfectamente o día de certa reseña fotocopiada sobre o libro "La vieja escuela". O que non sabía era que o leras, e tampouco que fora do teu gusto. Que ben. De todos os xeitos, TW é fundamentalmente un escritor de "shot stories", e as novelas ou relatos autobiográficos novelados tendo a velos nel como excepcións ou... "descansos" para tomar aire e seguir co conto.
    Sobre o que dis da traición a R, de racionalizar o que non é susceptible de racionalización, o do dilema entre a traición ao amigo ou a traición a si mesmo (e a M.A.), en xeral estou de acordo contigo. E o que engades do "personaxe ausente", paréceme moi pertinente: é certo, pero non o tiña tan claro ata que ti o dixeras. Creo que hai que pensar esa ausencia/presencia de R con máis tempo...
    O que xa non entendo moi ben, ou ao mellor si o entendo pero non o comparto, é o que afirmas sobre o carácter dela, e o da sinceridade. Pareces relacionar a simpleza (suposta) dela coa sinceridade, e ésta co amor que G sinte por M.A. Ben, non sei... A simpleza talvez sexa simpleza para certas cousas, pero máis ben sinxeleza que desarma para outras, que acaba coa máscara de G. Por outro lado, ¿non é certo que precisamente o problema de M.A. é a sua incapacidade para ser... sincera consigo mesma, dado o control que acepta do seu pai...?
    Ocúrrese ademais que estamos centrándonos case en exclusiva nos caracteres dos personaxes, e está ben, claro, pero non sei se os espacios deberían tamén ser tomados en conta: ¿por que un... coche, e descapotable?; ¿por que unha... valla, ante unha casa?; ¿por que unha... mesa considerada da parella, na cafetería?; ¿por que a casa da familia dela, protexida por unha valla que hai que pintar, de branco, como os hospitais, e a pinta ela, que pretende ser enfermeira de hospital? O do coche, a valla, a cociña e a entrada da casa onde beben chámame a atención... ¿Cres que terá a súa importancia tamén? ¿O cre alguén máis que estea lendo isto? ¿Mmh?
    Por certo, A., ¿caíches na conta do título da canción de Bob Dylan da que se fala neste relato...? Ao mellor ten interese recordar a letra tamén, non sei.
    Acabo: Unha persoa escribiu un comentario na entrada do 11 de Marzo, falando de Chéjov. E a mesma persoa fixo outro tanto na entrada do 26 de Abril, falando neste caso da súa visión do conto de Salinger que supoño tes lido. Recoméndoche a lectura de ambos comentarios, que eu deixei a propósito sen responder, esperando o diálogo entre os compoñentes do club -entre os que estás incluída, claro é-, coa pretensión de quedar un un pouco apartado, como deixando espacio... Quero dicir, que estaría bastante ben -"si´l vous plait"- que deras a túa opinión sobre tales comentarios, igual que tamén o estaría que esa persoa o fixera sobre os teus. Ou calquera outra persoa, naturalmente.
    Gracias outra vez. Un saúdo e ata pronto...

    ResponderEliminar
  3. A.? Fe de erratas: Quería dicir que TW é fundamentalmente un escritor de "shoRt stories", con erre. Se ben a errata colada non deixa de ter o seu aquél...

    ResponderEliminar
  4. Prometo que en canto estea un pouco máis libre de exames leo a Salinger e me paso polo blog...
    En canto a influencias sacadas de reseñas, houbo algunhas moi interesantes, La vieja escuela entre elas, pero a verdade é que ningunha como a de Ana Merino... Bueno, resulta que a L. e eu é hoxe o día que seguimos léndoa, limos toda a obra súa que atopamos e de feito L. aínda fixo un traballo sobre ela este ano que nos permitiu saber máis dela. A min, no momento en que chegou ás miñas mans, gustábame a poesía,os autores de sempre(Neruda, Miguel Hernandez...) e Ana Merino supuxo o xeito de achegarme a unha poética moi diferente, actual...
    Vaia, que o considero unha recomendación moi acertada e dende aquí tamén a recomendo.

    Saúdos!

    ResponderEliminar
  5. Ah, vaia, Ana Merino... Non recordaba iso.. Alégrome. Ás veces un deixa certa fotocopia nalgún pupitre como quen non quere a cousa..., e pasa o tempo, e a xente nun par de anos desaparece, e non sabes... Un pouco como ese breve poema do desaparecido Benedetti, "Botella al mar", o como el di, "Botesya al mar"... Que ben: gracias.
    Algún tempo despois un descubriu a Elena Medel ("Mi primer bikini", na editorial DVD), ou, noutro estilo, e vaia estilo, a José Luis Piquero (basta escribir o seu nome e apelido para dar co seu blog, no que atoparás os seus poemas: xa me contarás).
    Tamén desde este lado da pantalla recibimos con agrado suxestións...
    E un saúdo para L. Sería marabilloso que asomase por aquí...
    Gracias unha vez máis, e enhoraboa polo último éxito no Certame de Cambre, A. Un saúdo.
    PS: Ana Merino é tamén unha gran coñecedora do mundo dos cómics, que tamén tratamos ás veces aquí, con máis dun libro dedicado a ese medio. tomen nota...

    ResponderEliminar