Na nosa reunión segunda, a do pasado día 27 de Febreiro, dedicada ao conto de Harte e ao cómic de Crumb, falamos máis que nada do primeiro, e unha das cousas máis traídas no diálogo foi o do naipe que John Oakhurst clava na árbore antes de suicidarse -ben, houbo un par de persoas que pensaban que non estaba claro que fora un suicidio-. Outra cousa que no debate chamou a atención -non sabemos se moito, pero "algo"- é o feito de que o personaxe antes nomeado sae tamén noutro conto de Bocetos californianos. En concreto, nun titulado na edición en castelán de Bruguera do ano 1979 como "Un episodio de la vida del señor John Oakhurst".Sobre o primeiro, neste enlace pódese ler que a carta do dous de trevos, no póker, é a que menos valor ten en comparación coas restantes, detalle que pode explicar por que é esa e non calquera outra a escollida polo xogador que recoñece ter unha mala racha (¿pode ser peor?):
"En caso de empate con la misma carta, se toma en cuenta el palo de la carta. El ranking es: Picas, Corazones, Rombos y Tréboles; el dos de trébol es la carta más chica posible."
Sobre o segundo, o do outro conto, dicir que trátase dunha historia de amor e adulterio: Oakhurst perde a cabeza por unha muller casada, incapacitada para camiñar temporalmente, á que el axuda non só economicamente para se recuperar... Ao final as cousas non acaban demasiado ben para el -o interior dela é máis ben misterioso, e non queda claro que sinte realmente, aínda que o lector pode supoñelo...-, que volve ao mundo do xogo ferido dobremente, fisica e animicamente, despois dun patético intento de deixar ese mundo e dedicarse... ¡á traballar na bolsa por recomendación dun amigo banqueiro ao que acabará matando nun duelo a pistola por causa da muller, casada polo demais cun terceiro home que andaba certamente moi ocupado, polo que se ve!
Sobre a orixe da canción relixiosa que aparece dúas veces no relato, nada sabemos de momento, a non ser o que dixo Á. na reunión, que posiblemente sexa un fragmento dos "Salmos" da Biblia: ¿alguén pode confirmar esta suposición, por favor? Que deixe aquí un comentario, en todo caso. Gracias.
¿E que pasa con Crumb? Ben, del no se falou demasiado, pero agora e aquí propoñemos algo que podemos chamar xogo ou algo parecido. O conto de Crumb narra o devir da historia de EE UU en non demasiadas viñetas, desde o comezo dese país, ata o ano da publicación desde cómic, que cremos foi en 1979, tres anos despois do bicentenario famoso. O relato de Harte ten ugar no mes de Novembro de 1850. Se vas cara ás últimas viñetas de Crumb, a calquera das cinco do final, por exemplo, ¿serías capaz de imaxinar como contar unha historia similar á de Harte nese outro tempo histórico dos EE UU? ¿Que habería que cambiar da orixinal, para conseguir sen embargo manter o esencial do conto de Harte...? Se alguén vese con forzas para isto, que ben: que o escriba nun comentario aquí mesmo. E se hai máis dun, mellor aínda. A ver...

