sábado, 16 de mayo de 2009

CONTO Nº6: "A TERCEIRA DAS COUSAS QUE ACABARON CO MEU PAI", DE CARVER

¿Que quén é Carver? Aforremos tempo e premamos aquí para ser salvados pola Santa Wiki. Raymond Carver (EE UU, 1938-1988) é para moitos o mellor escritor de relatos cortos de Estados Unidos no s. XX, con permiso de Hemingway, Anderson e compañía, claro. Pero hai outras opinións, por descontado. É un dos grandes, en calquera caso, e moi influído por Hemingway e, sobre todo, polo seu adorado Chéjov, a quen consideraba a súa alma xemelga.

  • Por recomendación de A., a nosa colaboradora neste club, e anxo da garda deste blog, propoñemos para a seguinte reunión (xoves, 22 de Maio, á hora de sempre no lugar de sempre) a lectura do conto carveriano "A terceira das cousas que acabaron co meu pai", publicado no seu día no libro de relatos titulado en España De qué hablamos cuando hablamos de amor (Anagrama). O libro en EE UU editouse en 1981.
  • Como complemento propoñemos o conto "Tres rosas amarelas", que podes atopar na antoloxía que temos levada a cabo por Richad Ford. É o derradeiro relato publicado por Carver antes de morrer (En España editado nun libro de relatos co mesmo nome que o que dixemos). Nel, a modo de homenaxe ao seu mestre, conta a morte de Chéjov nun balneario de Alemaña, e pasa por ser un dos seus mellores traballos.
  • Tamén recollemos o cómic de Tomine da reunión anterior ("Dylan & Donovan"), que non puidimos comentalo.
  • E por se pouco fora, engadimos outro cómic máis de Tomine, "Seis días resfriado". Ambos podes atopalos, con outros máis, na edición de La Cúpula, baixo o título de Sonámbulo y otras historias. (Non o temos de momento na nosa biblioteca, pero si temos o volume dous, chamado Rubia de verano, que contén igualmente moi boas historias breves deste autor de cómics "indie").
Volvendo ao relato protagonista do próximo xoves, suxerimos ter outra vez en conta a teoría de Piglia sobre a tensión das dúas historias no relato contemporáneo porque cremos que pode axudar a entrar neste conto. Tamén queremos sinalar que ao noso entender hai unha certa similitude co relato anterior de Salinger, "O home que rí": outra vez remitímonos á visión dun neno, outra vez hai un personaxe extraño que tende á automarxinación, outra vez hai unha muller... Ben, eses parecidos non queren dicir que sexan historias iguais, desde logo, pero ao mellor telos en conta da certo xogo para o xoves... Igualmente reparar un momentiño no nome de Dummy pode ter algún sentido: "dummy" significa tonto, maniquí, pero a súa etimoloxía está relacionada á palabra "dumb" -¿acórdaste de Dumbo, o paxaro con trompa?-, que significa á vez tonto e mudo...
¿E Tomine? Ben, é sabido no mundo mundial que Tomine comezou cunha serie de historias breves de corte moi carveriano, e por iso hai unha razón de máis para traelo hoxe aquí...

Quedamos pois para o xoves. De aquí a entonces aparecerán outras entradas neste blog que pretenderán engadir algo de información que faciliten a lectura e comprensión das obras de Carver. Contamos cos teus comentarios, como sempre...

No hay comentarios:

Publicar un comentario